logo

NOVAS

Abr18

Aprobado o Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021

Hoxe pola mañá tivo lugar a sesión do Consello Galego de Cooperación Exterior (CONGACODE) no que se aprobou o IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021. As cinco persoas representantes das ONGD galegas abstivéronse na votación deixando constancia da vontade que tiña o sector de votar favorablemente despois do esforzo feito para conseguir que as demandas das ONGD>>> foran incorporadas.

Alejandro Quiñoá, presidente da Coordinadora Galega de ONGD, na súa exposición pública no CONGOCADE explicou que a abstención das organizacións galegas débese á falta dunha proposta orzamentaria suficiente que acompañe a execución do Plan os próximos 4 anos. A memoria económica do Plan que se levou a votación está por debaixo da demanda do sector e, tamén, do que recomenda a Lei 3/2003 de cooperación para desenvolvemento de Galicia; do establecido na recente aprobada Estratexia de Acción Exterior da Xunta de Galicia [“en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento, acadarase un compromiso orzamentario de alomenos o 0,2% no horizonte desta Estratexia”]; e por debaixo tamén das recomendacións da Avaliación Final do III Plan Director onde se considera que o goberno galego debería dedicar á cooperación ao desenvolvemento á media orzamentaria das Comunidades Autónomas en 2016 (8,8 millóns de euros). A Xunta, pola contra, estableceu para o novo Plan Director un marco orzamentario que, partindo dos 5 millóns de euros (0,04% do orzamento) deste ano 2018, chegará aos 6,9 millóns de euros en 2021, a mesma dotación orzamentaria que houbo en 2006.

O novo Plan incorpora un anexo orzamentario, un elemento novidoso considerado positivo polas ONGD e que garante a previsibilidade para os axentes de cooperación. Aínda así, dende a Coordinadora Galega de ONGD considérase un orzamento insuficiente nun contexto como o actual de recuperación dos recortes sufridos nas políticas públicas de cooperación e de emerxencia internacional.

Máis alá da disconformidade no eido económica, considérase que o IV Plan Director será un documento útil para guiar a acción conxunta dos axentes de cooperación galegas por distintos motivos: adáptase á nova Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles; conseguirá afondar na identidade propia da Cooperación Galega; introduce novas especializacións sectoriais e transversais como o 'empoderamento e dereitos das mulleres' e a 'participación e fortalecemento da sociedade civil'; e garante a previsibilidade das axudas.

O documento do IV Plan Director aprobado hoxe>>> será levado ao Consello de Goberno da Xunta e logo será votado no Parlamento.



Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario