logo

NOVAS

Mar30

Cúmprense tres anos da aprobación das Leis Mordaza

O 27 de marzo cumpríronse tres anos desde a aprobación das coñecidas como Leis Mordaza. O sábado 17 de marzo colectivos de todo o Estado convocaron manifestacións en rexeitamento á Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza. A convocatoria foi apoiada por uns douscentos colectivos, organizacións e movementos sociais, entre os cales a Coordinadora Galega de ONGD. Tal e como se espuxo no comunicado da convocatoria, as organizacións adheridas están preocupadas porque “ningún dos textos alternativos presentados no Congreso para reformar esta lei ofrecen unha regulación garantista para o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión pacífica e de información, así como os dereitos de mulleres vítimas de trata e daquelas que exercen a prostitución, ou de migrantes e solicitantes de asilo que son obxecto das devolucións en quente, as cales foron condenadas polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por violar os artigos 4 e 13 do CEDH”.

A Plataforma Non Somos Delito critica que a Leis Mordaza “están a transformar ao Estado que merece unha cidadanía democraticamente madura, nun Estado de represión, medo, opresión e autocensura”. Desde a Plataforma denuncian que como consecuencia destas leis están a producirse “condenas sesgadas ideoloxicamente contra a Liberdade de Expresión ou o Dereito á Información, identificacións e multas arbitrarias a persoas que exercen o seu dereito fundamental de reunión e expresión, abusos de poder, aumento da inseguridade xurídica da poboación, como resultado dunhas leis desproporcionadas cun articulado ambiguo e aberto á libre interpretación de quen as aplica”.

Segundo os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio de Interior, en 18 meses o Estado recadou 131 millóns de euros coa Lei Mordaza. As multas por "desobediencia ou a resistencia á autoridade", "a negativa para identificarse" ou "a alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación" ascenden a máis de 10 millóns euros. É especialmente significativo o aumento do número de sancións de 2015 a 2016 por "faltas de respecto e consideración" a membros das Forzas e Corpos de Seguridade, o primeiro motivo de sanción referente a seguridade cidadá. Se nos 6 primeiros meses de 2015 as multas por este motivo foron un total de 3.130 por un valor de 469.203, en 2016 a cifra chegou a multiplicarse por seis, alcanzando as 19.497 multas, por un importe de máis de 3 millóns de euros. O total recadado por este motivo neste período foi de 3,47 millóns de euros. En 2016 das sancións por infraccións á seguridade cidadá ao redor de 34.000 poderían ser sancións a condutas amparadas por exercer os dereitos de reunión, expresión ou manifestación.

Reformas á Lei Mordaza sen cambios significativos

A posible reforma desta lei no Congreso, volveu actualmente á axenda política, tras o desbloqueo do proceso de tramitación dos proxectos presentados por PNV e PSOE fai máis dun ano. Desde que se anunciaron ditas reformas, organizacións e colectivos sociais están a traballar conxuntamente para que as modificacións que leven a cabo polos grupos parlamentarios respondan, segundo explican, “a uns mínimos que garantan o libre exercicio dos dereitos fundamentais". Neste período, diversos colectivos entre os que se atopa a Plataforma Non Somos Delito, estiveron seguindo de preto o proceso parlamentario de reforma da Lei Mordaza e denunciando o perigo de que "esta oportunidade de derrogar unha lei que nos amordaza, e mellorar o noso sistema de liberdades públicas, convértase finalmente nunha mera maquillaxe lexislativa e oportunista, sen achegas significativas que eliminen a arbitrariedade e falta de garantías actual". Dentro deste marco, o Grupo de Análise da Plataforma Non Somos Delito, formado por máis de 15 xuristas, impulsou a redacción dunha proposta apoiada por máis de 40 colectivos, que recolle 10 principios básicos para a protección do exercicio dos Dereitos Fundamentais. Proposta que pretende ser levada ao Congreso para abrir "un debate público cos grupos parlamentarios sobre que entendemos por seguridade cidadá", anuncia Non Somos Delito.

Fonte: Non Somos Delito

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario