logo

NOVAS

Mar05

Dende a Coordinadora Galega de ONGD sumámonos á Folga Feminista Internacional deste 8 de Marzo

O ano pasado, as feministas arxentinas convocaron a un paro internacional baixo o lema “Ni una menos, vivas nos queremos”. Millóns de mulleres saímos á rúa en 70 países para facer visibles as nosas demandas respecto ao traballo produtivo e reprodutivo, ámbitos nos que a nosa presenza é imprescindible e nos que, á vez, estamos desvalorizadas, invisibilizadas e discriminadas.

Este 2018 o movemento feminista convoca unha folga internacional para visibilizar a nosa forza e a nosa indignación ante as violencias machistas, a vulneración dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, a desigualdade laboral, as discriminacións no acceso aos recursos económicos, sociais e ambientais, e a invisibilización dos coidados que, na súa maioría, realizan as mulleres en todo o mundo.

Dende a Coordinadora Galega de ONGD, do mesmo xeito que a Coordinadora estatal de ONGD, sumámonos ao paro laboral e facemos noso o chamado a todas as mulleres para que se unan ao paro laboral, de consumo, de coidados e estudantil para que se note o imprescindible do noso traballo en todos os ámbitos da vida. Porque se as mulleres paran, o mundo para! [neste enlace>>> podes ver as formas de sumarse á folga]. Tamén facemos un chamamento para que as mulleres participen das distintas mobilizacións e accións de protesta que terán lugar en distintas vilas e cidades galegas ese mesmo día>>>

Cobertura legal
A folga ten cobertura legal para todas as mulleres con traballo asalariado. En Galicia, os sindicatos CUT, Sindicato Labrego Galego, CGT, CNT e a Confederación Intersindical convocárona legalmente durante 24 horas. UGT, CCOO e a CIG convocaron paros laborais parciais. Máis info sobre a folga laboral, aquí>>>

Estes son algúns dos datos que nutren as realidades que vivimos as mulleres no mundo:
- A ONU estima que 66.000 mulleres son asasinadas anualmente o mundo. En América Latina, por exemplo, cada día son asasinadas 12 mulleres polo feito de selo.
- Polo menos 200 millóns de mulleres e nenas sofren mutilación xenital feminina, segundo Unicef.
- Máis de 700 millóns de mulleres contraeron matrimonio antes de cumprir os 18 anos. Unha de cada tres fíxoo antes dos 15 anos.
- Aínda hoxe, 280 millóns de nenas atópanse en risco de casar antes de cumprir a maioría de idade, conforme aos datos da axencia das Nacións Unidas especializada na defensa dos dereitos da infancia.
- 225 millóns de mulleres de todo o mundo carecen de acceso a unha adecuada saúde sexual e reprodutiva e a medidas de planificación familiar, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).
- 120 millóns de nenas de todo o mundo (algo máis dunha de cada 10) sufriron violencia sexual nalgún momento das súas vidas, de acordo ás estatísticas de Unicef. Isto provoca, entre outras consecuencias, embarazos non desexados e mortalidade por abortos inseguros.
- Uns 16 millóns de mozas de 15 a19 anos e aproximadamente un millón de nenas menores de 15 anos dan a luz cada ano, segundo a OMS. A maioría delas en países empobrecidos.
- A mesma organización sinala que 47.000 mulleres morren ao ano por abortos inseguros (32% en África e 24% en América Latina).
- As mulleres e nenas son o 71% das vítimas de trata, segundo a Oficina da ONU contra a Droga e o Delito. A maioría delas, para matrimonios forzados e escravitude sexual.
-  O 70% das persoas pobres no mundo son mulleres. Segundo Nacións Unidas, as mulleres realizan o 66% do traballo no mundo, producen o 50% dos alimentos, pero só reciben o 10% dos ingresos e posúen o 1% da propiedade.

A Coordinadora únese ás mulleres do mundo para visibilizar estas realidades inaceptables, para que ninguén poida mirar cara a outro lado. Hai razóns máis que suficientes para participar activamente nunha folga feminista internacional que vai máis alá dun paro laboral; unha folga que pon no centro a participación nuclear das mulleres en todas as esferas da vida: o consumo, a educación, o traballo remunerado e precario e o de coidados.

É unha folga global, de todas as mulleres do mundo, das nosas socias de América Latina, África, Asia e Oriente Medio, das migrantes, das mulleres en tránsito e refuxiadas, de todas aquelas que ven os seus dereitos constantemente vulnerados e que precisamente por iso non poderán unirse a esta folga. As organizacións de cooperación para o desenvolvemento traballamos con todas estas mulleres.

Ademais, somos un sector sustentado nun 70% polo traballo e dedicación de mulleres que, de maneira remunerada ou voluntaria, estamos vinculadas á solidariedade internacional. O noso é un sector feminizado, ligado ao coidado e ao traballo coa poboación máis vulnerable, e por iso mesmo pouco recoñecido e escasamente valorado. Ademais, é un sector no que as mulleres, a pesar de nosa ampla participación, accedemos pouco a postos de dirección e aos espazos de toma de decisións. Do mesmo xeito que a maioría de sectores, as ONGD tamén deben cambiar para lograr un modelo de traballo que poña no centro os coidados, a solidariedade e sororidade que defenden nos seus idearios e principios.
As mulleres e a Coordinadora imos á folga!

Entre outras reivindicacións:
- Esiximos aos gobernos medidas reais, eficaces e con recursos que erradiquen as diferentes formas de violencias contra as mulleres e menores; que garantan a seguridade, o acceso á saúde e a dereitos sexuais e reprodutivos universais e gratuítos; que aseguren a igualdade de oportunidades e condicións laborais xustas sen fenda salarial nin teitos de cristal.
- Esiximos a corresponsabilidade do Estado e dos homes nas tarefas de coidados. Queremos unha conciliación corresponsable entre homes e mulleres que nos permita estar preto das nosas fillas e fillos e persoas dependentes e poder desenvolver tamén as nosas aspiracións vitais.
- Opoñémonos ás fronteiras nas que se vulneran os dereitos humanos. Fronteiras que causan explotación, violencia sexual, trata e abusos de todo tipo contra un cada vez maior número de persoas -sobre todo, mulleres e menores- en movemento debido a guerras, causas económicas, políticas, sociais ou ambientais.
- Chamamos a todas as mulleres a participar activamente na Folga Feminista e ás nosas organizacións para apoiala e facilitar o libre exercicio do dereito a folga e paro parcial de todas as traballadoras.
- Pedimos aos homes que colaboren, apoien e acompañen para permitir a participación das mulleres na folga. Que nos cubran encargándose dos servizos mínimos nos espazos de traballo e realizando o traballo de coidados que quedará sen facer. Se es home, estas son algunhas formas ás que podes participar do paro>>>

Participemos nas mobilizacións e concentracións convocadas en todas as cidades alá onde esteamos!

Unámonos!

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario