logo

NOVAS

Xan23

O 1% máis rico da poboación mundial acaparou o 82% da riqueza xerada o ano pasado

No marco de Foro Económico Mundial en Davos, que reúne de novo en Suíza ás elites políticas e empresariais, Oxfam Intermón publicou hoxe o informe Premiar o traballo, non a riqueza, no que denuncia que o 82% da riqueza mundial xerada durante o pasado ano foi a parar a mans do 1% máis rico da poboación mundial, mentres que o 50% máis pobre –3.700 millóns de persoas– non se beneficiou o máis mínimo do devandito crecemento.

No Estado español este reparto seguiu a mesma tendencia: o 1% máis rico acaparou o 40% da riqueza creada mentres que o 50% máis pobre apenas conseguiu repartirse un 7%. Premiar o traballo, non a riqueza mostra con detalle como a economía mundial posibilita que os máis ricos sigan acumulando vastas fortunas, mentres que centos de millóns de persoas deben loitar cada día para sobrevivir con salarios de pobreza mínimos alimentando a actual crise de desigualdade global. Así, entre 2006 e 2015, a riqueza desta elite económica creceu nunha media do 13% ao ano; seis veces máis rápido que os salarios das persoas traballadoras que apenas aumentaron de media anual nun 2%. Entre marzo de 2016 e marzo de 2017 produciuse o maior aumento da historia no número de persoas cuxas fortunas superan os mil millóns de dólares, cun novo milmillonario cada dous días.

Dentro das fronteiras do Estado, no último ano, 4 novos multimillonarios españois entraron a formar parte da lista creada pola revista Forbes. Hoxe xa son 25. A tendencia desta concentración da riqueza en poucas mans é similar noutros recunchos do planeta. En América Latina e o Caribe, en 2017 o 10% máis rico da poboación concentraba o 68% da riqueza total, mentres que o 50% máis pobre só accedía ao 3.5%. "O boom dos milmillonarios non é signo dunha economía próspera, senón un síntoma do fracaso do sistema económico. Explótase ás persoas que fabrican as nosas roupas, ensamblan os nosos teléfonos e cultivan os alimentos que consumimos para garantir unha subministración constante de produtos baratos, así como para engrosar os beneficios das grandes empresas e os seus adiñeirados inversionistas”, lamenta o director xeral de Oxfam Intermón, José María Beira.

As mulleres e a mocidade pagan especialmente a factura da desigualdade

Un dos aspectos máis alarmantes do informe é que denuncia que son as mulleres e a mocidade quen máis sofren as consecuencias desta desigualdade. As traballadoras son quen se atopa na base desta pirámide económica: elas gañan menos que os homes e están sobrerrepresentadas nos empregos peor remunerados e máis precarios. A brecha salarial entre homes e mulleres no mundo é do 23%. No Estado, ascende ao 20%. Por contra, 9 de cada 10 milmillonarios no mundo son homes. Pero, ademais, as mulleres son as principais afectadas polos contratos a tempo parcial e temporais.

O mercado de traballo español penaliza con forza á man de obra feminina: o 73,9% da poboación traballadora que recibe os soldos máis baixos son mulleres. Con todo, dentro do grupo das persoas traballadoras con retribucións máis altas, elas só representan o 34,5%. "Falamos con mulleres de todo o mundo cuxas vidas están marcadas pola desigualdade. Como, por exemplo, as mulleres que traballan en fábricas téxtiles vietnamitas, lonxe dos seus fogares e sen ver aos seus fillos durante meses, a cambio de salarios de pobreza. Ou como as que traballan na industria avícola dos Estados Unidos, obrigadas a levar cueiros porque non teñen descansos para ir ao servizo. Terminar coa desigualdade extrema non será posible se non se acaba coa desigualdade de xénero”, sentencia Beira. Así mesmo, o futuro da mocidade, segundo mostra o documento, é totalmente incerto. Ademais de sufrir as consecuencias de empregos precarios, temporais, parciais e mal pagos, non contan cunhas perspectivas a futuro que lles permita ser positivos respecto da súa vida laboral e igualdade de oportunidades. O salario anual obtido por unha persoa moza de 26 anos que accede por primeira vez a un emprego é hoxe un 33% inferior ao gañado en 2008, con maior temporalidade e traballo parcial.

Para máis información>>>

Fonte: Oxfam Intermon



Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario