logo

NOVAS

Out26

Quorum Global: diálogo para construír unha nova narrativa do posible

Quorum Global é unha proposta para o cambio, unha iniciativa en construción que ten o reto de cambialo todo da man dunha chea de activismos diversos. O ecosistema social está a pedirnos unha sacudida potente, construír algo fermoso que nos encha de esperanza e que nos dea máis capacidade de cambio social.

Que é Quorum Global?

Vivimos nun cambio de época. Unha encrucillada marcada pola ameaza de sobrepasar os límites do planeta e o retroceso democrático, na que a riqueza se concentra cada vez en menos mans e as desigualdades aumentan. Nun momento así, é máis necesario que nunca construír e afianzar alternativas que recoñezan que o valor das cousas non está só no seu beneficio económico.

Así nace Quorum: como un diálogo para construír unha nova narrativa do posible. Un intercambio que nos permita conectar loitas e sumar forzas para unha resposta social e democrática cara un mundo xusto. É unha conversación na que xa participan ONG, activistas, colectivos locais, medios de comunicación, investigadoras e xornalistas. Na que falamos e falaremos de dereitos humanos, xustiza social, feminismos, desenvolvemento sustentable e economía social e solidaria, pero tamén de quen exerce o poder, como operan as elites e con que discursos lexitiman as súas ideas.

Hoxe, cando revolución é unha palabra que podemos atopar nos anuncios das grandes empresas. é o momento de desmontar a maneira en que o capitalismo e as políticas neoliberais se apropian da linguaxe para baleirala de contido.

De xerar novos discursos e narrativas que axuden a construír e afianzar as alternativas que se propoñen desde os movementos sociais.

Quen somos?

Somos unhas cantas persoas de diversos lugares e idades que participamos en distintos activismos e espazos de construción colectiva. Tamén, medios de comunicación (La Marea, El Salto, Wiriko); organizacións e colectivos (Agareso, ATTAC, Ecoloxistas en Acción, FIARE, Foro de Transicións, Foro de Economía, Progresista, La Mundial, Caibo); redes, federacións e coordinadoras (Futuro en Común, Coordinadora estatal de ONGD e as súas asociadas; a Rede de coordinadoras e federacións autonómicas de ONGD; universidades e entidades de investigación e estudos (Reedes).

Como interconectamos? Por onde empezamos a traballar?

Preparamos esta proposta resumida en tres documentos.

A Intro: un breve dossier explicativo sobre Quorum Global.

Os temas: os principais elementos e enfoques a partir dos cales queremos discutir e construír conxuntamente.

Proposta metodolóxica: unha proposta para orientar e vincular eses debates ou accións, a partir dunha serie de temas e preguntas.

Se tes interese en participar, unirte, difundir, achegar, propoñer, preguntar... contacta con nós e síguenos por Facebook, Twitter e Instagram

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario