logo

NOVAS

Sep08

Día das persoas cooperantes: esiximos compromisos que garantan os dereitos humanos

O planeta afronta a peor crise humanitaria de refuxio e migración desde a II Guerra Mundial, 20 millóns de persoas atópanse ao bordo da fame extrema, numerosos conflitos se enquistan e outros non acaban se resolven aínda que se teñan asinado acordos de paz. Sen políticas integrais que afronten as causas da pobreza, as desigualdades e o mal trato ao planeta só se acadarán respostas limitadas. A cooperación internacional é unha peza máis dunha complexa engrenaxe no que todas as políticas deben ser coherentes entre si para garantir un desenvolvemento sustentable

A cooperación contribúe, pero non soluciona por si soa. Contribúe sobre todo cando conta cos recursos adecuados e oriéntase claramente á erradicación da pobreza. Lamentablemente, nestes momentos, a política de cooperación española e galega atópanse nos seus mínimos históricos e á cola de Europa, a pesar da recuperación económica.

O 8 de setembro, no día das persoas cooperantes, facemos un percorrido por catro rexións que afrontan diversos retos. E facémolo da man das organizacións e persoas que nos lembran a importancia do acompañamento internacional en situacións de vulnerabilidade, violación de dereitos humanos ou ausencia de gobernos. A cooperación internacional, dinnos, “contribúe a ter a mirada global que requiren os desafíos actuais”. Alberto Franco, Colombia.

Centroamérica (Médicos do Mundo)

CONTEXTO. 400.000 persoas procedentes de Centroamérica cruzan México cada ano. O 90% veñen de Honduras, O Salvador e Guatemala: é a zona máis violenta do mundo fóra dun contexto de guerra e presenta tamén a taxa de feminicidios (mulleres asasinadas) máis elevada. Tras o acordo de 2014 entre México e EEUU para o control migratorio incrementáronse exponencialmente as detencións e deportacións desde o primeiro país, que pasaron de 55.000 persoas en 2011 a unhas 200.000 en 2015, máis das que expulsa Estados Unidos. En 2016, 16.000 nenos e nenas migrantes non acompañados foron detidos en México polas autoridades migratorias. As persoas que migran, ademais de sufrir as detencións, expulsións e violacións aos dereitos humanos por parte das forzas de seguridade, expóñense a todo o perigo que leva o negocio ilegal creado ao redor da migración: explotación, trata de persoas, extorsións e secuestros, posto que o tránsito realízase polo mesmo corredor que as drogas e armas controladas polo crime organizado. Unha situación que afecta especialmente a mulleres e nenas.

Andrés Cuz Mocú, representante da Academia da Lingua Maya e do Comité de Xustiza de Alta Verapaz. “Se o Estado non ten capacidade ou intención de sacar da pobreza á poboación é moi necesario que organizacións internacionais poidan apoiar, non para regalar nada, senón para contribuír a que a xente empece a reaccionar”.

Dilcia Marroquín, representante de Colectiva Feminista, O Salvador. “Para nós é importante este tipo de asociación con organizacións internacionais interesadas, como Médicos do Mundo, porque só xuntas podemos lograr resultados que se sosteñan no tempo”

Colombia (Mundubat)

CONTEXTO. O acordo de paz asinado polo goberno colombiano e as FARC-EP non avanza. Desde a súa sinatura, máis de 21 integrantes das FARC-EP e familiares foron asasinados; entre xaneiro e xuño deste ano, máis de 335 persoas defensoras de dereitos humanos sufriron algún tipo de agresión e 51 foron asasinadas. Os paramilitares están a ocupar as zonas que as FARC-EP abandonaron tras a firma dos acordos. Segue o conflito armado con outras forzas insurxentes. Pobos orixinarios e comunidades campesiñas continúan sufrindo o desprazamento e as transnacionais continúan á procura de recursos naturais. A debilidade na implementación esixe un compromiso colectivo pola paz, a convivencia, a xustiza social, a reparación e as garantías de non repetición. Queda pendente acabar co conflito social e político e construír unha paz verdadeira.

Pai Alberto Franco. Comisión Intereclesial Xustiza e Paz. “A cooperación internacional é moi importante porque xera protección para as comunidades. Que os actores violentos, paramilitares, militares e as insurxencias vexan que hai unha comunidade que está a ser acompañada convértese nun importante elemento de disuasión (...) Grazas á interacción entre persoas que nos garante a cooperación, entendemos que os problemas son globais e esixen miradas integrais ?como é o caso das migracións, o cambio climático ou as dereitos humanos (...) Hai transformacións que só se dan compartindo e mirando a realidade de maneira colectiva?.

Sudán do Sur (Mans Unidas)

CONTEXTO. O país máis novo do planeta é tamén un dos máis pobres e conflitivos. Tras a súa independencia de Sudán en 2011, os habitantes de Sudán do Sur trataron de reconstruír un país arrasado por tres décadas de conflito armado, pero en decembro de 2013 estalou unha nova guerra civil e agora, case 4 anos máis tarde, as consecuencias do conflito son devastadoras. A metade da poboación -6 millóns de persoas- enfróntase a unha grave inseguridade alimentaria e o máis agravante é que a situación non parece mellorar, senón que o número de persoas que viven ao bordo da fame extrema está en aumento. A falta de protección e inseguridade alimentaria, obriga á xente a cruzar as fronteiras e Sudán do Sur foi escenario da crise de persoas refuxiadas con máis rápido crecemento do mundo: 3,8 millóns de persoas víronse obrigadas a deixar o seu fogar, das cales case 2 millóns buscaron refuxio nos países veciños, como Uganda, Kenia e Sudán.

Pau Vidal. Servizo Xesuíta de Refuxiados. “O apoio da cooperación internacional é esencial para loitar contra a falta de alimentos e para aliviar o sufrimento psicosocial das vítimas. Nun contexto tan complexo como o que vive Sudán do Sur é urxente deter os combates para poder garantir o acceso de axuda humanitaria. (...) Os líderes deben entender que sen paz e estabilidade miles de persoas morrerán de fame nun país rico en agricultura e recursos (...) Millóns de persoa pasan fame porque se viron obrigadas a abandonar as súas terras e non poden cultivar nin alimentar ás súas familias; tampouco poden comprar alimentos básicos pola enorme subida dos prezos”.

Tunes (ACPP, CIDEAL, Fundación 1º de Maio, ISCOD)

CONTEXTO. Desde 2011, o país atópase inmerso nun proceso de transición a unha democracia igualitaria, aínda en consolidación e gravemente exposto a atentados terroristas. Ese camiño, aínda non culminado, conta con logros importantes como a adopción da súa Constitución -referendada pola poboación en 2014- na que se recoñece a igualdade entre homes e mulleres; a retirada das reservas á Convención pola eliminación de calquera forma de discriminación contra a muller (CEDAW) en 2015; e a adopción -en xullo de 2017- dunha lei contra a violencia de xénero que converteu Tunes no primeiro país do mundo árabe que conta cunha normativa sobre o tema. A sociedade civil tunisiana xogou un papel moi importante neste proceso; as asociacións de mulleres, de dereitos humanos, as organizacións sociais e sindicais que traballan pola igualdade de xénero estiveron acompañadas por organizacións de desenvolvemento españolas.

Salwa Kennou, Presidenta de AFTURD (Asociación de Mulleres Tunisianas para a Investigación sobre o Desenvolvemento). “A colaboración con ONG internacionais axúdanos a levar a cabo os nosos proxectos e a inspirarnos mutuamente. As organizacións que traballamos para a igualdade efectiva entre homes e mulleres temos un rol importantísimo, pois as nosas accións son experiencias piloto que poderían ser adoptadas polas institucións públicas coas que colaboramos. A final de contas, debemos lembrar ao Estado que cumpra os compromisos que amparan as propias leis tunisianas. Os proxectos que executamos en colaboración con ONG españolas son un instrumento clave na consecución dos nosos obxectivos a favor desta igualdade.”

Fonte: Coordinadora de ONGD - España

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario