logo

NOVAS

Xun22

Premio da vergoña á Unión Europea

Dende a Coordinadora Galega de ONGD sumámonos ao comunicado da Coordinadora de ONGD de Asturias no que se califica como unha absoluta vergoña a concesión do premio da concordia que a Fundación Princesa de Asturias outorga este ano á Unión Europea, precisamente nun momento no quea súa resposta ante a extrema situación das persoas migrantes e refuxiadas que chegan a territorio europeo afástese cada vez máis dos seus valores fundacionais e atenta contra os dereitos de millóns de persoas.

Os gobernos europeos e a propia UE actúan dun xeito inmoral e ilegal, implementando acordos como o asinado o pasado ano con Turquía que aproba a expulsión das persoas que chegan a Grecia e que vulnera a Carta Internacional de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE, o Convenio Europeo de Dereitos Humanos e a Convención de Xenebra para as Persoas Refuxiadas, así como diferentes Directivas europeas en materia de asilo. O acordo é inmoral, ilegal e a súa aplicación supón un risco para a vida das persoas. Ademais, utiliza ás persoas refuxiadas como moeda de cambio respondendo a intereses económicos e xeoestratéxicos. Facer das persoas refuxiadas unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e intolerable.

A UE segue incumprindo os seus compromisos de reasignación e reasentamento: das 182.000 persoas que debía chegar desde Grecia, Italia e terceiros países, só se acolleu a algo máis do 20%. O prazo para acollelas termina o próximo 26 de setembro e dende a campaña #VindeXa a sociedade civil esixe, neste caso ao goberno español, o seu cumprimento inmediato.
 
O acordo da VergUEnza, xunto coas medidas adoptadas unilateralmente polos estados membros que dificultan ou impiden a entrada no seu territorio das persoas solicitantes de asilo, non achegan unha solución e provocan a apertura doutras vías máis perigosas e custosas para as persoas refuxiadas como a do Mediterráneo Central, a máis mortal do mundo.
 
Igualmente, denunciamos que a UE utiliza a Axuda Oficial para o Desenvolvemento como medio para impoñer políticas de control de fronteiras e como instrumento de chantaxe aos países de orixe.
 
A vergUEnza non merece un premio. Desde a Coordinadora Galega de ONGD esiximos que a Unión Europea estea á altura das circunstancias, recapacite e escoite ás miles de persoas que esiximos, nos mobilizamos, acollemos e asistimos ás persoas refuxiadas. Europa debe deixar de escribir a peor páxina da súa historia recente, dando paso a unha nova etapa na que permitan a todas as persoas ter unha vida digna garantindo os seus dereitos.

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario