logo

NOVAS

Mai19

O concello de Santiago xunto ás ONGD galegas organizan a segunda edición do Compostela+Solidaria

O concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a partir do 23 de maio a segunda edición do 'Compostela + Solidaria', un programa de sensibilización con máis de 30 actividades para todas as idades. A través de obradoiros, charlas, exposicións, unha mostra de cine documental, conta contos e unha Feira Solidaria falaremos de Dereitos Humanos e da necesidade de defendelos colectivamente para que todas as persoas, independentemente da súa orixe e de onde vivan, os teñan garantidos. Tamén daremos a coñecer realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que dende o local contribúen a mudar o mundo.

As actividades desenvolveranse do 23 de maio ao 16 de xuño nos distintos Centros Socioculturais da cidade e todas as propostas son de balde. Neste enlace>>> atoparedes toda a oferta que vos propoñemos.

Como novidade, esta segunda edición conta cunha Mostra de cine documental na que, entre outras, proxectaranse títulos como Frágil equilibrio, premio Goya 2017 o mellor documental. Neste enlace>>> podedes consultar todos os títulos e datas de proxección.

Tamén como novidade deste 2017, o Compostela+Solidaria conta coa colaboración de Square que, o día 23, organiza da man do produtor artístico Karlos Barral, GaliAfro, o concerto dunha unha agrupación musical composta por artistas de Galicia e África que fusionan o son dos instrumentos de percusión dos dous territorios xunto ás cordas dunha guitarra. Será na Fundación Granells a partir das 19:30 horas.

O Compostela+Solidaria, rematará o 16 de xuño cunha Feira Solidaria na praza Roxa de Santiago. Na Feira, as ONGD galegas ofrecerán actividades para @s máis cativ@s, información e venta de produtos de comercio xusto á toda a cidadanía.

As ONGD que participan no Compostela+Solidaria deste 2017 son AGARESO, Amigos da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Educo, Entreculturas, Enxeñería sen Fronteiras, Farmamundi, FISC, Intered, Mans Unidas, Oxfam Intermon, Solidariedade Internacional de Galicia e Terra de Homes.

 


Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario