logo

NOVAS

Mar30

Realidade da Axuda 2017: a cooperación española toca fondo.

Oxfam Intermon presentou o pasado 28 de marzo o Informe anual da Realidade da Axuda do ano 2015, un documento que mide a temperatura do estado da cooperación no Estado español.

O estado da Cooperación Española

Segundo os datos definitivos publicados polo CAD, en 2015 España executou 1.261 mill. euros de AOD Neta , o equivalente ao 0,12% da súa Renda Nacional Bruta. O dato representa un mínimo histórico na cooperación española e mantén a AOD española ancorada en niveis dos anos 80, cando o país nin sequera pertencía ao Comité de Axuda ao Desenvolvemento da OCDE. Con estas cifras, España afúndese á cola de donantes internacionais. É a antepenúltima, no posto 26 de 28, so por diante de Polonia e Eslovaquia.

O recorte acumulado na axuda española entre 2008 e 2015 ascende ao 73,5% (ata un 83% nos fondos xestionados por ONGD).No caso da Axuda Humanitaria o recorte elévase ata ao 85% o que resulta especialmente grave si temos en conta que nos atopamos nunha situación extraordinaria con más de 20 millóns de persoas en risco de fame e cos conflitos activos en Siria, Sudán do Sur, Chad, Somalia ou Yemen. A ONU advertiu recentemente que estamos ante a peor crise humanitaria en 70 anos.

En 2015 os recortes mantivéronse malia un discurso gobernamental que insistiu unha e outra vez en que o orzamento destinado a Cooperación ao Desenvolvemento se recuperaría axiña que o fixese a economía (por exemplo, Rajoy ante a ONU en abril e setembro 2013). Tamén contra a vontade da maioría da poboación do estado, xa que segundo o último Eurobarómetro o estado español é un dos tres países da UE nos que máis apoio se rexistra para a política pública de cooperación ao desenvolvemento. Un apoio que se fai patente coas cifras do último Informe do sector das ONGD no que se da conta de como aumentou o apoio da sociedade civil nos últimos anos, con 2,4 millóns de persoas contribuíndo dalgún xeito ao traballo que realizan as ONG de desenvolvemento, un 20% máis que en 2008, e con 20.000 persoas realizando voluntariado. Pola súa banda, as achegas económicas privadas aumentaron un 30% de 2013 a 2015 en contraste  cos fondos públicos que en 2015 presentan as cifras máis baixas dos últimos 10 anos

A única lectura postivia vinculada á situación da política pública de cooperació  atopámola no inicio dun novo ciclo político, cun parlamento máis plural e o número de inciativas parlamentarias xa presentadas en prol da mellora desta política pública. Isto unido ao proceso de elaboración do novo Plan Director 2017-2020 e aos avances pendentes na Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles abren a oportunidade á necesaria “refundación” que se debe realizar na Cooperación Española

AOD no contexto internacional e europeo

A AOD proporcionada polo conxunto de países donantes da OCDE (CAD) rexistrou en 2015 os seus máximos históricos, mellorando en case un 7% o teito de 2014. De media os países do CAD aportaron o 0,30% do seu RNB, un nivel similar ao do ano anterior.

En términos de esforzo, o ranking está encabezado por dous países cunha gran tradición en políticas de cooperación: Suecia (1,40%) e Noruega (1,05%); 4 estados máis cumpriron en 2015 coa Meta do 0,7% (Luxemburgo, Dinamarca, Países Baixos e Reino Unido). Con todo, a maior parte do incremento de AOD debeuse ao incremento de fondos destinados á acollida de persoas refuxiadas polo que en moitos casos estes datos deben considerarse inflados, xa que se computa como AOD diñeiro que non saíu das fronteiras do país donante.

Tal e como recorda o propio informe, a OCDE permite que os países donantes contabilicen como Axuda Oficial ao Desenvolvemento os gastos relacionados coa asistencia a refuxiados durante os 12 primeiros meses de acollida no país. Esta normativa é moi cuestionable por dous motivos: primeiro, porque é un gasto que se efectúa dentro das fronteiras do país donante, e segundo, porque ao saír do orzamento de AOD, significa que os recursos dedicados á acollida de persoas refuxiadas se detraen da loita contra a pobreza e para responder a crises humanitarias nos países dos que foxen e que máis o necesitan. O CAD debe aceptar as demandas da sociedade civil e deixar de considerar a asistencia a refuxiados en países donantes como parte da AOD.

Fronte aos datos negativos do estado español, a tendencia da AOD a nivel europeo tamén é positiva, se detecta unha tendencia a alza que destaca principalmente no norte de europa, en países coma Reino Unido (país que ata 2008 estaba por detrás de España en taxa de esforzo e que agora ten blindado o 0,7% por lei) pero tamén en Italia que se sitúa nun 0,22% e subiu un 0,19% con respecto ao ano anterior.

Durante a presentación do informe, Raimund Zürh, de Seek Development, presentou a plataforma Donor Tracker (que estuda a AOD dos 14 principais donantes do mundo) e expuxo  tres eixos estratéxicos de acción e oportunidade que se abren para a política de cooperación ao desenvolvemento no contexto europeo:

-Por unha parte o propio crecemento que se prevé da AOD. Países como Alemaña asumiron recentemente o seu compromiso co obxectivo do 0,7% como mecanismo fundamental para loitar contra as “causas profundas” das situación que se vive no contexto internacional.

-A UE está chamada a ocupar o grande baleiro que como donante vai deixar previsiblemente EE.UU logo do xiro radical da súa política exterior.

-Por último, as políticas de cooperación aparecen como unha aposta central para desenvolver novas narrativas que fagan fronte ao discursos e movementos xenófobos que percorren o territorio europeo.

A Cooperación Descentralizada

Logo dos graves recortes que sufriu a cooperación descentralizada (a desenvolvida por comunidades autónomas e entes locais) se percibe unha pequena melloría cun aumento de ata o 18% a nivel de CC.AA e dun 11% a nivel de entes locais no ano 2015.

No ranking de Comunidades Autónomas País Vasco cunha adicación do 0,33%, Andalucía co 0,14% e Extremadura co 0,13% ocupan os primeiros postos. Á cola sitúanse Murcia e Madrid. Murcia destaca pola súa indiferenza, como en 2014 non dota ningún recurso para a loita contra a pobreza en países en desenvolvemento. E, como destaca ou propio informe, Madrid representa en 2015 o que nunca debería pasar: que os PVDs aos que deberiamos estar transferindo recursos, reembolsen máis do recibido. Este é o caso de Madrid, que no 2015 contabiliza unha AOD negativa de 65.000 euros por reintegros de distintos proxectos que recaen tamén sobre as ONGDs.

A AOD galega

No ranking de comunidades autónomas en relación a AOD Galicia ocupa o posto 8º. Resulta paradóxico si temos en conta que no ano 2009 Galicia cunha adicación dun 0,1% e 12 millóns de euros,a máxima da súa historia, ocupaba o penúltimo posto do ranking, e dende entón o recorte foi superior ao 60%, pasando deses case 12 millóns de adicación en 2009 aos 4,6 de 2015.

En 2015 Galicia adicou 4,6 millóns de euros a esta política pública, o que supuxo un 0,05% de esforzo orzamentario, moi lonxe do 0,7% demandado e comprometido, e que supón que cada galego e galega está destinado anualmente á loita contra a pobreza global unicamente 1,7 euros

 

Ver detalles do informe aquí>>>

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario