logo

NOVAS

Mar27

Alejandro Quiñoá, novo presidente da Coordinadora Galega de ONGD

Alejandro Quiñoá (Lugo, 1980) foi elixido novo presidente da Coordinadora Galega de ONGD o pasado sábado, 25 de marzo, na Asemblea Xeral da organización. Quiñoá, delegado en Galicia da ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz, colle o relevo de Gema Filgueira despois de seis anos como máxima representante da organización.

Quiñoá lidera un equipo continuista coa anterior etapa, formado por 9 persoas das cales Ángel Bañobre (Fundación Fabre) entra en substitución de Gonzalo Gesto (Panxea). Na Asemblea, Quiñoá destacou que a o novo equipo directivo inicia a súa andaina nun contexto de enormes desigualdades, coa crise de persoas refuxiadas e migrantes e co auxe dos discursos xenófobos en occidente; pero tamén ante un momento de apoio da cidadanía ao traballo das ONGD e de reivindicación de xustiza social. Neste escenario, informou que serán tres os principais obxectivos para os vindeiros tres anos:

- o proceso de elaboración do IV Plan Director de Cooperación Galega 2018-2021 da Xunta de Galicia. O anterior Plan, que actualmente está en proceso de implementación, contou por primeira vez co voto en contra da Coordinadora. O reto será conseguir incorporar as demandas das ONGD no documento que marcará a liña estratéxica da cooperación galega os vindeiros catro anos. 

- o seguimento da implementación da política de cooperación local en Galicia. Os dous últimos anos, e gracias ao impulso e o traballo de incidencia da Coordinadora, concellos e deputacións de Galicia están a poñer en marcha novos instrumentos e espazos de participación no eido da cooperación ao desenvolvemento, unha realidade que na maioría das comunidades do Estado deuse a partir dos anos oitenta. Esta nova etapa obriga ao equipo directivo a dedicar esforzos a facer un seguimento da cooperación local, máis alá da polótica pública de cooperación que desenvolva a Xunta de Galicia.

-Por último, a nova Xunta Directiva ten a responsabilidade de executar o Plan Estratéxico da Coordinadora para os vindeiros catro anos que foi aprobado pola Asemblea Xeral en decembro de 2017.

Na Asemblea Xeral da Coordinadora foi aprobada a entrada de dúas novas organizacións: ONG AIDA e Semilla para el Cambio. Coa súa entrada, son 45 as ONGD integradas actualmente na Coordinadora.

Ao longo da Asemblea, foron aprobadas por unanimidade o informe de xestión 2016; o balance e liquidación de contas de 2016; e o orzamento para 2017. Tamén se presentaron as actividades previstas para este ano 2017 e Andrés Amayuelas, presidente da Coordinadora estatal de ONGD, participou na asemblea para informar das actividades previstas na campaña Pobreza Cero deste ano así como de Quorum Global, un proxecto que ten por obxectivo crear discursos e iniviativas colectivas entre ONGD e outras organizacións e plataformas de economí social, feministas, de banca ética, de educaicón popular, medios de comunicación, etc.

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario