logo

NOVAS

Mar03

Aniversario de Berta Cáceres: Berta vive, a loita segue

Este 2 de marzo cúmprese un ano do asasinato de Berta Cáceres, un crime que pasará á historia como símbolo da violenta represión en Honduras, pero tamén como símbolo dunha mobilización social masiva e inmensamente solidaria. A líder indíxena serviu de alento e impulso para as mobilizacións a escala mundial, unhas mobilizacións que a día de hoxe continúan.
Ao longo dunha semana, do 2 ao 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, organizacións e plataformas da sociedade civil, entre as que se atopa Amigos da Terra, celebrarán actos en memoria de Berta Cáceres, aos que tamén se suman numerosos grupos de Amigos da Terra Internacional.

Berta Cáceres deu a súa vida por defender os dereitos das comunidades locais fronte á mega-represa de Auga Zarca. Morreu en defensa da vida, das terras, os ríos, os bosques, as comunidades indíxenas, en contra da ameaza das hidroeléctricas no río Gualcarque. En palabras de Berta: “Esta cordilleira ten unha relación forte coa poboación Lenca, hai bosques vivos, montañas vivas. Este é un río vivo que está ameazado pola construción de seis represas… Desde a cosmovisión do pobo Lenca a auga é un elemento fundamental, así como a terra é parte do equilibrio…”

Xa pasou un ano, pero aínda non se fixo xustiza. Até o momento, o Goberno de Honduras imputou a 8 persoas como autores materiais do homicidio pero non se investigou aos autores intelectuais. Por estes motivo Amigos da Terra súmase á petición do COPINH, organización da que era coordinadora Berta Cáceres, para que se esclarezan os feitos que acabaron coa vida da defensora ambiental. Para este fin as organizacións demandan a creación dunha comisión internacional independente, unha petición expresada tamén por membros da ONU.

A sociedade civil esixe xustiza a través das mobilizacións programadas durante estes días. Lonxe de defender ás persoas ameazadas do COPINH e outras organizacións que loitan polo medio ambiente e os dereitos humanos, o Goberno hondureño encargouse de criminalizalas, ocasionando un nivel de indefensión insustentable. De feito as represións aumentaron. Non podemos obviar que Honduras é o país máis perigoso do mundo para ser activista ambiental. Desde 2010 máis de 120 persoas foron asasinadas neste país por oporse a proxectos hidroeléctricos, mineiros ou que atentase contra as súas terras, segundo Global Witness.

Berta Cáceres, Coordinadora Xeral do COPINH, ensinou a múltiples pobos e organizacións a importancia da loita polos dereitos, dando un empuxe á loita indíxena e das mulleres. Berta Cáceres traspasou loitas, movementos, países; logrou a unión de diversos colectivos para reivindicar e reclamar os seus dereitos, pero tamén os dereitos doutros a través da solidariedade; conseguiu pór na palestra a persecución de defensores ambientais e sociais en todo o mundo e xerar un gran apoio internacional a estas loitas. Sen dúbida, un ano máis: Berta vive.

*Este artigo foi publicado o 2 de marzo na páxina web de Amigos da Terra

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario