logo

NOVAS

Dec06

Inconformistas: 25 anos de andaina solidaria

A Coordinadora Galega de ONGD pecha o ano do seu 25 aniversario coa difusión on line de Inconformistas. 25 anos de andaina solidaria, unha curta documental producida por Agareso, e dirixida por Xes Chapela, que fala da loita das organizacións galegas para mudar o mundo. Faino hoxe, 5 de decembro, Día do Voluntariado, para recoñecer a importancia das persoas que ao longo destes 25 anos de historia dedicaron (e seguen a facelo) parte do seu tempo a transformar a realidade máis próxima para mudar o planeta. A peza audiovisual, que conta coa testemuña de persoas que participaron activamente na vida da Coordinadora, poderá verse on line.

Historia da Coordinadora

O 1 de xuño de 1991 fundouse en Compostela a Coordinadora Galega de ONGD gracias á iniciativa de dúas organizacións xa desaparecidas: Comisión Galega pro-Amazonia e Estudantes Solidarios. A este par de entidades se lles foron sumando aos poucos moitas outras organizacións e hoxe, 25 anos despois, a Coordinadora conta con 45 ONGD asociadas. A maioría son ONGD galegas que xunto ás delegacións de organizacións estatais e internacionais forman unha Coordinadora heteroxénea.

Durante este 25 anos a Coordinadora medrou e se converteu na plataforma que representa as organizacións de cooperación ao desenvolvemento en Galicia. Tamén é o espazo no que as ONGD traballan conxuntamente na defensa dunha política pública de cooperación de calidade e na promoción dunha sociedade comprometida e coñecedora das causas das pobrezas e as desigualdades.

Fitos e retrocesos

Son moitas os fitos que se conseguiron nestes 25 anos de andaina. Na primeira etapa, nos noventa, tiveron lugar as acampadas polo 0,7, mobilizacións que se deron en todo o Estado e nas que se reclamaba aos representantes políticos que o 0,7% dos orzamentos se destinara á loita contra a pobreza global. Dese xermolo xurdiron novas organizacións e iniciativas solidarias por todo o territorio galego que nalgúns casos se constituíron como ONGD. E esa reivindicación segue a estar na axenda das ONGD 25 anos despois.

A partir do 2001, vívese un momento de expansión e consolidación da cooperación en Galicia. O número de ONGD integradas na Coordinadora medra ata 21 e a nivel organizativo créanse espazos de traballo internos como a Comisión de Comercio Xusto, pensados para impulsar a coordinación e a formación das persoas vinculadas ás organizacións. A Coordinadora profesionalízase: o equipo técnico contratado pasa a ser estable e edítanse as primeira publicacións e documentais propios. Ao mesmo tempo, a Xunta de Galicia crea a Dirección Xeral de Cooperación, aproba o primeiro Plan Director de Cooperación e, en 2009, acádase o maior orzamento que ata o momento dedicou o goberno galego á política pública de cooperación: 12 millóns de euros. Un fito no que a Coordinadora foi un actor clave no acompañamento e na incidencia política e que se deron en paralelo ao crecemento exponencial da propia organización que nese momento chegou ao número récord de ONGD socias: 51.

A derradeira etapa, a dos últimos sete anos, veu marcada por un contexto de crise económica, de recortes sistemáticos dos orzamentos de cooperación e do xurdimento do 15M, as masivas mobilizacións cidadás e os novos partidos políticos. Por un lado, as ONGD viviron un importante debilitamento causado pola falta de apoio económico que impediu en moitos casos levar a cabo os seus proxectos. Todo, malia que en 2010 representantes dos catro partidos políticos con representación no Parlamento asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza impulsado pola Coordinadora. Un Pacto que foi, e segue a ser, a base para seguir esixindo e reclamando unha política pública de cooperación de calidade.

Neste contexto, as ONGD e a propia Coordinadora achegámonos a colectivos que traballan na defensa dos dereitos das persoas e a loita contra a pobreza e as desigualdades dende distintos ámbitos tanto fora coma dentro de Galicia. Organizáronse actividades e tecéronse redes con movementos sociais, coa banca ética, con colectivos feministas e de economía social, con medios de comunicación non convencionais, etc. As ONGD retomaron a rúa como espazo para defender as súas reivindicacións e nos países do Sur seguiron traballando man a man coas organizacións locais socias.

E hoxe, cando se cumpren 25 anos da fundación da Coordinadora, séguese a traballar para mudar a realidade e para promover a implicación da sociedade galega na defensa dos dereitos de todas as persoas. Xusto cando máis 60 millóns de persoas seguen saíndo das súas casas en países como Siria, Afganistán, Iraq, Palestina, Eritrea, Nixeria ou Somalia para fuxir da guerra, da fame e da violencia. Xusto cando o Mar Mediterráneo e as fronteiras europeas son, máis que nunca, as fosas comúns nas que miles de persoas perden a vida. Xusto cando as mobilizacións cidadás a favor dos dereitos da poboación refuxiada e desprazadas son unha mostra clara de que a vontade colectiva para mudar o mundo segue ben viva.

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario