logo

NOVAS

Sep20

Todos os partidos apostan por a aumentar os fondos de cooperación nos seus programas pero só o Bloque e En Marea comprometen cifras concretas

Todos os partidos con representación parlamentaria na última lexislatura comprométense nos seus programas electorais a aumentar os fondos de cooperación galega. É a primeira vez que as catro principais forzas políticas asumen este compromiso despois dos recortes de ata o 62% que sufriron os orzamentos dedicados á loita contra a pobreza global os últimos seis anos.

Aínda así, non todos se comprometen na mesma medida. Só o BNG defende no seu programa electoral a demanda da Coordinadora Galega de ONGD de aumentar o orzamento de cooperación ao desenvolvemento da Xunta de Galicia do 0,04% actual ata o 0,2% ao final da lexislatura “sen perder a perspectiva de chegar ao 0,7%”, a reivindicación histórica das ONG de Desenvolvemento. En Marea, pola súa banda, tamén aposta por incrementar os fondos de cooperación pero a súa proposta queda por debaixo das reivindicacións das ONGD galegas ao limitar o aumento “nun mínimo do 20% anual e dobrar así o actual orzamento ao final da lexislatura”. O PSdeG, en cambio, recolle a no seu programa “recuperar a política pública e social de cooperación e construír un consenso político-social ao redor dela“ así como “establecer compromisos plurianuais de axudas en concorrencia competitiva e con transparencia e rendición de contas”, pero non establece nin cifras nin un calendario concreto para esa recuperación. Por último, o PPdG comprométese a “incrementar paulatinamente, e de forma sostida, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD)” pero limítase a marcar un crecemento mínimo anual: “a porcentaxe na que se incremente o orzamento consolidado da Xunta de Galicia”.

Máis alá das cuestións vinculadas cos orzamentos, os programas dos partidos non afondan en propostas concretas sobre como debe ser a cooperación ao desenvolvemento que se faga dende Galicia. Faise referencia á vontade de mellorar a situación das persoas refuxiadas, pero non se desenvolve en ningún caso propostas para unha acción humanitaria e de emerxencia de calidade. Tamén destaca a ausencia de propostas de xénero vinculadas á feminización da pobreza no mundo e dáse de forma xeralizada un tratamento pouco profundo da Educación para a Cidadanía Global, unha ferramenta fundamental para promover a transformación social, tamén, dende Galicia.

Alén dos programas

Máis alá dos compromisos concretos dos programas electorais, a aposta dos partidos pola política pública de cooperación reflectiuse tamén nas entrevistas que todos as persoas candidatas responderon estes últimos días á Coordinadora Galega de ONGD e que están publicadas na súa web. Cabe destacar as declaracións do candidato á presidencia polo PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen, antes de que se fixera público o programa do seu partido, asegurou que o PSdeG asume o compromiso de “acadar progresivamente, no curso da próxima lexislatura, o 0,2% do orzamento xeral dedicado á política pública de cooperación ao desenvolvemento. Isto suporía aproximadamente 20 millóns de euros que deben ser perfectamente asumibles polos orzamentos da Xunta de Galicia”.

Pola súa banda Ana Pontón, candidata á presidencia polo BNG, reafirmou na entrevista a súa aposta cara o 0,2% e asegurou que “desde a Xunta de Galiza, comprométome tamén a facer unha política proactiva para promover unhas relacións comerciais xustas e políticas internacionais coherentes cos principios da cooperación ao desenvolvemento”. Luis Villares, candidato de En Marea marcou como horizonte a mesma proposta que no programa, a de dobrar o actual orzamento, e asegurou que se forma parte do novo goberno elaborarán “un Plan Director que primará a participación de diferentes axentes sociais da sociedade civil”. Alberto Nuñez Feijóo, actual presidente e candidato polo PPdeG, segurou que “é certo que non destinamos todo o que nos gustaría”, en referencia á política pública de cooperación dos últimos catro anos, e reafirmou o compromiso do Partido Popular de, “como mínimo, subir os fondos de cooperación na mesma porcentaxe en que suba o orzamento consolidado da Xunta”.

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario