logo

NOVAS

Sep18

ELECCIÓNS GALEGAS 2016: Os programas electorais e os compromisos na política pública de cooperación ao desenvolvemento


Logo de manter distintas reunións cos partidos candidatos ás próximas eleccións galegas para presentar as nosas demandas electorais “O Mundo que queremos. Propostas da Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento” a comisión de incidencia política da Coordinadora Galega de ONGD ten realizado un breve análise comparativo das propostas que, no eido da política pública de cooperación ao desenvolvemento, recollen os programas electorais dos partidos con máis opcións, segundo as enquisas, de entrar no Parlamento de Galicia: PP de Galicia, PSdG, En Marea e BNG. Non incluímos no análise referencias ao programa de Ciudadanos, por unha banda porque non fomos recibidos por eles e por outra porque non fomos capaces de atopar no seu programa electoral propostas para a política pública de cooperación.

COMPROMISOS ORZAMENTARIOS NO EIDO DA AXUDA OFICIAL AO DESENVOLVEMENTO. Porque o verdadeiro compromiso reflíctese nos orzamentos

A lectura positiva: todos os partidos con visos de entrar no Parlamento de Galicia asumen como necesario aumentar o escaso orzamento que se destina actualmente á política pública de cooperación, se ben este compromiso é heteroxéneo.

Dos 4 programas electorais analizados so o BNG e En Marea se comprometen con cifras concretas de crecemento orzamentario destinado á Axuda Oficial ao Desenvolvemento para a vindeira lexislatura. Entre estes dous partidos é o Bloque Nacionalista Galego o que asume un indicador de crecemento orzamentario máis ambicioso e aliñado coas demandas do sector das ONGD a través dun “aumento progresivo do financiamento destinado á cooperación internacional e o desenvolvemento, co obxectivo inmediato de superar nesta lexislatura 0,2%, sen perder a perspectiva de chegar ao 0,7%”.

O programa electoral de En Marea tamén se compromete con cifras concretas de crecemento, pero o seu compromiso é menos ambicioso ao recollido polo BNG e ao demandado polo Coordinadora Galega de ONGD. A súa proposta pasa por incrementar os “fondos dedicados á cooperación ao desenvolvemento nun mínimo do 20% anual nos orzamentos de 2017 e seguintes, co obxectivo de ter dobrado esas partidas ao final da lexislatura”.

Pola contra nin PSdG nin PPdG asumen compromisos concretos para aumentar o orzamento destinado á Axuda Oficial ao Desenvolvemento nos seus programas electorais. O PSdG recolle a proposta de “recuperar a política pública e social de cooperación e construír un consenso político-social ao redor dela“ e de “establecer compromisos plurianuais de axudas en concorrencia competitiva e con transparencia e rendición de contas” pero non establece indicadores concretos de crecemento para a política pública de cooperación ao desenvolvemento no seu programa electoral.

Sen embargo, o seu candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga asumía publicamente as demandas da Coordinadora Galega de ONGD cando nunha entrevista da propia Coordinadora declaraba “os socialistas galegos asumimos o compromiso de acadar progresivamente (no curso da próxima lexislatura) o 0,2 por cento do orzamento xeral dedicado á política pública de cooperación ao desenvolvemento. Isto suporía aproximadamente 20 millóns de euros que deben ser perfectamente asumibles polos orzamentos da Xunta de Galicia”. Polo tanto entendemos que si existe vontade por parte do PSdG de aumentar os fondos destinados á cooperación, cara o esixido 0,2% que reclamamos dende a Coordinadora Galega de ONGD.

O programa do PPdG recolle o compromiso de “incrementar paulatinamente, e de forma sostida, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD)” sen embargo non se compromete con cifras de crecemento concretas para a vindeira lexislatura, senón que se limita a marcar un mínimo de crecemento anual e condicionado porque di que este crecemento se fará “establecendo como incremento mínimo anual a porcentaxe na que se incremente o orzamento consolidado da Xunta de Galicia”.

O QUE DIN E QUE NON DIN OS PROGRAMAS ELECTORAIS NO EIDO DA PÚBLICA DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO. Que pedíamos as ONGD e como responden os partidos?

Dende a Coordinadora Galega de ONGD mantivemos reunións cos catro partidos principais para transmitirlle as nosas propostas, que baixo o título de “O mundo que queremos”, recollen 8 iniciativas marco:

1) Recuperar a cooperación internacional como política pública: acadar en catro anos o 0,2% do orzamento da Xunta de Galicia. Sería, a data de hoxe, pasar de 4 M € a 21 M€.2)

2)Prover recursos de calidade,responsables e previsibles. Queremos compromisos plurianuais, e garantir que se manteñen distintas liñas de axuda para poder planificar as nosas intervencións nos países nos que traballamos.

3) Promover a equidade de xénero, evitando a discriminación da muller, que se acentúa nos países empobrecidos.

4) Educar para a cidadanía global, pois sen cambiar a educación, non cambiarán as persoas.

5) Unha acción humanitaria á altura dos retos actuais: falamos, por exemplo, de persoas refuxiadas, de persoas que foxen das guerras e conflitos ou dos desastres naturais, que morren afogadas no Mediterráneo...

6) Apoiar a Axenda 2030 da ONU, isto é os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados por Nacións Unidas en setembro de 2015.

7) Promover que a acción do sector privado sexa positiva e non teña impactos negativos no desenvolvemento dos pobos.

8) Fomentar a participación real da sociedade civil no deseño, organización e xestión das políticas públicas, tamén na política de cooperación cooperación.

En xeral os partidos incorporan en maior ou menor medida contidos vinculados as nosas propostas. O que sucede é que en moitos casos estes contidos son ambiguos e pouco concretos, o que ten dificultado o seu análise. A Comisión de Incidencia da Coordinadora fixo un cadro resumo valorando como se incorporan estas 8 demandas, e tendo en conta tamén as declaracións públicas dos partidos, e que podes descargar aquí>>>

O ENCAIXE DA E POLÍTICA PÚBLICA DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO NOS PROGRAMAS ELECTORAIS. Onde nos sitúan os partidos?

Dende a Coordinadora Galega de ONGD entendemos a política de cooperación ao desenvolvemento como unha política social máis porque se enfoca á loita contra a pobreza, as desigualdades e a favor da xustiza social. O que a fai diferente do resto de políticas sociais e que é unha política social se exerce en gran parte fóra das nosas fronteiras, nos países empobrecidos do planeta, e para dar resposta aos grandes desafíos dun mundo profundamente interconectado que condiciona o benestar de todas as persoas. É dicir, a política pública de cooperación ao desenvolvemento é unha política social que se exerce en parte fora do ámbito doméstico.

Este carácter singular ten diferente reflexo nos programas electorais dos partidos. Unha parte dos partidos deciden tratar a esta política pública como unha política social máis e situala por tanto xunto ao resto de propostas vinculadas as políticas sociais, de benestar e loita contra a pobreza. Este é o caso do PSdG que recolle as súas propostas no eido da cooperación nun apartado titulado “Políticas de benestar, solidariedade e cooperación: a alianza coa cidadanía” xunto a outras propostas en materia de política social.

Por outra parte están os partidos que incorporan a esta política xunto coas propostas vinculadas á acción exterior de Galicia, este é o caso do Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego.

No caso do programa electoral do Partido Popular as propostas en materia de cooperación ao desenvolvemento atópanse no epígrafe “Fortalecer as institucións do autogoberno, reforzar as administracións públicas e potenciar a acción exterior de Galicia nun mundo en cambio” e concretamente dentro doutro subapartado de Unha estratexia galega de acción exterior”

No caso do Bloque Nacionalista Galego as propostas vinculadas á política de cooperación poden atoparse no apartado titulado “Galiza no mundo” nun subapartado propio titulado “Política económica internacional e cooperación”.

Por último está o caso de En Marea que opta por unha solución mixta. O groso das propostas atopámolas no apartado “O goberno galego que constrúe un país mellor” baixo o un perígrafe propio “Un país solidario e cooperante” acampañando a outro subapartados con propostas vinculadas ao eido institucional, a igualdade e feminismos e a acción exterior, etc

Pero tamén hai unha referencia explícita ao compromiso de En Marea co Pacto Galego contra a Pobreza impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD nun apartado titulado “Todos os servizos para todas as persoas” adicado as propostas en materia de políticas sociais, concretamente no subapartado “Loita contra a pobreza”.

AS NOSAS CONCLUSIÓNS: Mellor pero non suficiente

Existe un acordo das principais forzas políticas galegas en considerar que o orzamento destinado á política pública e social de cooperación ao desenvolvemento debe aumentar e de que se deben revertir os recortes sufridos pola mesma nos últimos anos. Un acordo que se debería demostrar co establecemento dun consenso parlamentario, logo do 25 de setembro, que faga efectivos os compromisos adquiridos en 2010 por todos os grupos parlamentarios no Pacto Galego contra a Pobreza.

Sen embargo, este acordo político so atopa un sustento cuantificable no caso de BNG e En Marea que comprometen indicadores de crecemento concretos para a vindeira lexislatura no seus programas electorais. Aínda que hai líderes doutros partidos que teñen feito declaracións públicas apostando por comprometer cifras concretas, como é o caso do PSdG, que especificamente declarou o seu compromiso por adicar un 0,2% á cooperación.

Tamén melloran as propostas que para esta política se recollen nos programas electorais, sen embargo, e de novo, falta concreción e profundidade nas propostas. Por exemplo aínda que hai propostas para mellorar a situación das persoas refuxiadas non atopamos desenvolvemento no eido específico da acción humanitaria. Tamén destaca a ausencia de propostas de xénero vinculadas á cooperación ao desenvolvemento. Así como un tratamento máis profundo da Educación para a Cidadanía Global, un alicerce fundamental da política de cooperación ao desenvolvemento. Polo eido positivo, tense avanzado nas propostas vinculadas á participación da sociedade civil no deseño da política pública de cooperación a maioría dos programas, o que nos parece un avance a destacar.

Dende a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento esperamos que o consenso político adquirido para aumentar os fondos adicados a cooperación se traduza en compromisos reais na vindeira lexislatura. Pola nosa banda, e como organizacións da sociedade civil, seguiremos facendo propostas ás forzas políticas e ao futuro goberno para construír unha política social de cooperación ao desenvolvemento con cada vez máis impacto na loita contra a pobreza e a desigualdade.

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario