logo

NOVAS

Sep13

Feijóo: “Como mínimo, o orzamento de cooperación subirá na mesma porcentaxe que o orzamento consolidado da Xunta"

Dende a Coordinadora Galega de ONGD pedimos a todas as persoas candidatas á Presidencia dos partidos cos que nos reunimos para achegar as nosas propostas electorais, que nos contestaran unha pequena entrevista sobre cuestións vinculadas coa pobreza global, a crise de refuxiadas e a cooperación para ao desenvolvemento. O terceiro en contestar foi Alberto Núñez Feijóo, candidato do Partido Popular de Galicia.

Nun mundo onde 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema (con menos dun euro diario) e que acada récords históricos a nivel de desigualdade global (62 persoas acumulan máis riqueza que a metade pobre da poboación mundial) e de desprazamentos forzosos (65 millóns de persoas que se viron obrigadas a marchar das súas casas por motivos económicos, políticos e sociais), que papel cre que debería xogar a cooperación ao desenvolvemento?

Debe xogar un papel fundamental para contribuír a reverter esa situación, especialmente no traballo cos países de orixe das migracións. Hai que contribuír en orixe para loitar contra a pobreza e as desigualdades, apoiando un desenvolvemento económico sustentable e máis xusto. Trátase de construír un mundo mellor e máis xusto e as políticas públicas postas en marcha polos gobernos deben ser consecuentes con esta meta, tal e como demanda a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible recentemente aprobados.

Considera que a cooperación ao desenvolvemento é unha política social? Por que?

É unha política social porque o seu obxectivo principal son as persoas. Ás veces falamos de xustiza social, de defensa dos dereitos, pero non debemos esquecer que o que buscamos non é outra cousa que lograr maiores cotas de benestar e igualdade no mundo.

Os últimos anos tomaron protagonismo discursos que defenden que a cooperación ao desenvolvemento é incompatible coa loita contra a pobreza en Galicia e no Estado. Aínda así, no último Eurobarómetro máis do 75% das persoas do Estado español sinalaron que están de acordo en que a loita contra a pobreza fóra da UE debe ser unha das principais prioridades da propia UE. Cal é a postura do seu partido respecto a esta cuestión?

Sempre existiu este tipo de debates, e probablemente a situación de crise que afrontou este país nos últimos anos fixo que se reproduciran estes debates aínda con maior frecuencia. Eu creo que non se trata de buscar un enfrontamento e que tal incompatibilidade non existe. Como ben apuntan, unha maioría abrumadora de españois, e seguro que tamén de galegos, apoia esta cooperación ao desenvolvemento e que sigamos a loitar por un mundo máis xusto e equitativo.

Segundo o seu partido, como debe ser a política pública de cooperación que se desenvolva dende a Xunta de Galicia?

Nos últimos a nosa aposta é clara: tentamos lograr a máxima eficacia de cada euro investido. Para iso concentramos a axuda en países prioritarios e buscamos a especialización nos ámbitos en que Galicia ten vantaxe, como a pesca, por poñer un exemplo. Apostamos ademais pola transparencia na xestión das axudas e buscamos a máxima participación de todos, favorecendo a libre concorrencia nas ordes de subvencións. E indo sempre da man das ONGDs, sen as cales sería imposible levar a cabo este traballo. Son as nosas grandes aliadas en materia de cooperación ao desenvolvemento e unha vez máis recoñecemos e agradecemos a súa impagable labor.

A Xunta de Galicia adica actualmente un 0,04% dos orzamentos xerais á política pública de cooperación ao desenvolvemento, unha cifra que se sitúa nas antípodas do 0,7% ao que todos os partidos se comprometeron en 2010 coa sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza. Dende a Coordinadora Galega de ONGD demandamos que Galicia se equipare á actual media autonómica: que parta dun mínimo de dedicación do 0,07% e chegue progresivamente ao 0,2% ao final da lexislatura. Cal é o compromiso que adquire o seu partido neste eido?

É certo que non destinamos todo o que nos gustaría, pero tamén é certo que executamos cada un dos euros orzamentados e que buscamos a máxima eficacia das axudas. De pouco valería poñer nos orzamentos cantidades das que logo non se executa nin a metade, e esa situación dáse noutras autonomías. Galicia tense situado nos últimos anos como a quinta comunidade en volume de axuda oficial ao desenvolvemento e o compromiso é seguir incrementando de xeito paulatino e sostible esta axuda. Como mínimo subila na mesma porcentaxe en que suba o orzamento consolidado da Xunta.

Ademais da cooperación ao desenvolvemento existen outras políticas que a Xunta de Galicia debera emprender para loitar contra a pobreza, a desigualdade e a crise ecolóxica a nivel global?

Temos nesa liña o referente da Axenda 2030, e o noso obxectivo é abordar unha loita global contra a pobreza, a desigualdade e a crise ecolóxica. Coordinando non só todos os departamentos da Xunta, senón contando con outras administracións e, como non, unha vez máis colaborando coas ONGDs e outros axentes sen os cales sería imposible levar a cabo esta tarefa.

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario