logo

NOVAS

Sep19

A cooperación ao desenvolvemento nas Eleccións Galegas 2016

Ante as vindeiras eleccións galegas, dende a Coordinadora Galega de ONGD demandamos, unha vez máis, políticas que melloren a vida das persoas no mundo. Tanto dentro como fóra de Galicia. Para iso, elaboramos un documento coas nosas propostas políticas en materia de cooperación ao desenvolvemento titulado O mundo que queremos. Propostas da Coordinadora Galega de ONGD

Neste enlace>>> atoparedes a versión reducida
E neste outro>>> a versión extendida.

Tamén podes ler este artículo de opinión que escribimos no blog No me pidan Calma>>>


ANALIZAMOS OS PROGRAMAS ELECTORAIS DOS PRINCIPAIS PARTIDOS

Un dos traballos que levamos a cabo foi analizar os programas electorais dos partidos para saber como incorporan as propostas das ONGD galegas para a política pública e social de cooperación ao desenvolvemento ao longo da vindeira lexislatura.

Analizamos con especial detalle os COMPROMISOS ORZAMENTARIOS porque sabemos, e máis logo de sufrir un recorte superior ao 60% nos últimos anos,  que o verdadeiro compromiso se reflicte nos orzamentos.

A nova positiva é que todos os partidos con visos de entrar no Parlamento de Galicia se comprometen a aumentar os fondos destinados á cooperación ao desenvolvemento.

Ler nota de prensa>>>

O Bloque Nacionalista Galego  é o que asume un indicador de crecemento orzamentario máis ambicioso e aliñado coas demandas do sector das ONGD e recolle no seu programa  o obxectivo  de superar nesta lexislatura 0,2% adicado á cooperación internacional .

O programa electoral de En Marea tamén se compromete con cifras concretas de crecemento, pero o seu compromiso é menos ambicioso que o do BNG e o demandado polas ONGD galegas  porque fala de dobrar os fondos que actualmente se destinan a cooperación pero este compromiso, aínda que positivo, non sería suficiente para acadar o 0,2% de adicación a AOD ao final da lexislatura.

O PSdG recolle a proposta de “recuperar a política pública e social de cooperación.."  e de “establecer compromisos plurianuais de axudas..   pero no seu programa non se compromete con cifras concretas de crecemento de cara a vindeira lexislatura.

Sen embargo, o seu candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga asumía publicamente as demandas da Coordinadora Galega de ONGD cando nunha entrevista da propia Coordinadora declaraba “os socialistas galegos asumimos o compromiso de acadar progresivamente (no curso da próxima lexislatura) o 0,2 por cento do orzamento xeral dedicado á política pública de cooperación ao desenvolvemento..."

O programa do PPdG tamén recolle o compromiso de “incrementar paulatinamente, e de forma sostida, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD)” sen embargo non se compromete con cifras de crecemento concretas para a vindeira lexislatura, senón que se limita a marcar un mínimo de crecemento anual e condicionado porque di que este crecemento se fará “establecendo como incremento mínimo anual a porcentaxe na que se incremente o orzamento consolidado da Xunta de Galicia”.

Aquí podes atopar un análise en detalle dos programas electorais>>>>

Para dalas a coñecer visibilizámolas baixo o hashtag #25S_GaliciaSolidaria Axúdasnos a difundilo?

 

ENTREVISTAMOS AOS CANDIDAT@S

Este ano decidimos que queriamos ter unha versión persoal sobre o que pensan sobre cooperación ao desenvolvemento, sobre a crise de refuxiadas e sobre a coherencia de políticas, entre outras, as persoas candidatas á presidencia da Xunta.

O primeiro en responder foi Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PsdeG, se comprometeu a aumentar os fondos destinados á cooperación internacional ata o 0,2% durante a vindeira lexislatura, tal e como demandaba a propia Coordinadora Galega de ONGD. Tamén en apostar polo aliñamento coa Axenda 2030 e pola promoción dunha cidadanía activa. Estas son as súas respostas>>>

A segunda en responder foi Ana Pontón, candidata do BNG, que tamén amosou o seu compromiso por aumentar os fondos destinados á cooperación ata o 0,2% tal e como demandaba a propia Coordinadora Galega de ONGD, para "deixar atrás o tempo dos recortes". Tamén en promover unhas relacións comerciais xustas e políticas internacionais coherentes cos principios da cooperación. Estas foron as súas respostas>>>

O terceiro en responder foi Alberto Núñez Feijóo, candidato do PPdG e actual Presidente da Xunta,  que recoñeceu que a Xunta non ten adicado todo o que lles tivese gustado á AOD, e se comprometeu co incremento paulatino destes fondos  de forma que como  mínimo suban na mesma porcentaxe en que suba o orzamento consolidado da Xunta. Xa que "hai que contribuír en orixe para loitar contra a pobreza e as desigualdades" Estas son as súas respostas>>>

O cuarto en responder foi Luis Villares, candidato de En Marea, que reafirmou o compromiso do seu partido e dobrar os fondos que actualmente se destinan á cooperación internacional e tamén se comprometeu en promover un Plan Director participado pola sociedade civil.  Estas son as súas repostas>>>


REUNÍMONOS COS PRINCIPAIS PARTIDOS

Dende o anuncio da convocatoria das eleccións galegas solicitamos reunións con todos os partidos políticos con representación no Parlamento.

De momento nos reunimos con:

- PsdeG. O candidato á presidencia, Xoaquín Fernández Leiceaga, mostrou sintonía coas propostas, especificamente coas vinculadas ao aumento do orzamento de cooperación ata os 6 millóns de euros. Ver aquí>>>

- BNG. Xosé Luis Rivas e Rosana Pérez Fernández, número 2 e 3 da lista de Coruña, respectivamente comprometéronse a incorporar no seu programa a necesidade de establecer compromisos plurianuais de gasto e garantir a publicación anual das distintas convocatorias de axudas en concorrencia competitiva establecidas no III Plan Director de Cooperación. Podedes velo aquí>>>

- En Marea. Pablo González Novoa, responsable de política exterior, e Xabier Ron, membro de En Marea e da Comisión de Seguimento do Pacto Galego contra a Pobreza, mostráronse favorables a incorporar moitas das propostas electorais da Coordinadora, entre outras, o aumento dos fondos dedicados á cooperación. Aseguraron que apostarán por duplicalos ao final da lexislatura e tamén para que, cada ano, se recolla un incremento mínimo do 20% anual.Informaron que o programa tamén recollerá a reforma do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento (CONGACODE), entre outras, para que a representación da Xunta, a diferencia de agora, non supere o 40% das persoas membro. Ver aquí>>>

- PP. Asisitiron José Manuel Rey Varela, Conselleiro de Política Social; Jesús Gamallo, Director de Relacións Exteriores e coa UE, Mari Teijeiro, responsable de Política Social, e Gonzalo Trenor, deputado e número 16 da lista pola Coruña. O compromiso salientable dos populares foi o de axilizar e flexibilizar a xestión dos fondos públicos de cooperación, unha das demandas da Coordinadora. Aínda así, da reunión non se derivou ningún compromiso orzamentario para a vindeira lexislatura. Ver aquí>>>

 

#25S_Galicia Solidaria

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario