logo

NOVAS

Ago31

Leiceaga: "O PSdeG comprométese a acadar progresivamente o 0,2% do orzamento para a política pública de cooperación"

Dende a Coordinadora Galega de ONGD pedimos a todas as persoas candidatas á Presidencia dos partidos cos que nos reunimos para achegar as nosas propostas electorais, que nos contestaran unha pequena entrevista sobre cuestións vinculadas coa pobreza global, a crise de refuxiadas e a cooperación para ao desenvolvemento. O primeiro en contestar foi Xoaquín Fernández Leiceaga.


Nun mundo onde 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema (con menos dun euro diario) e que acada récords históricos a nivel de desigualdade global (62 persoas acumulan máis riqueza que a metade máis pobre da poboación mundial) e de desprazamentos forzosos (65 millóns de persoas que se viron obrigadas a marchar das súas casas por motivos económicos, políticos e sociais), que papel cre que debería xogar a cooperación ao desenvolvemento?

Sabemos que a pobreza e a desigualdade deben de combaterse mellorando as condicións de vida nos países menos desenvolvidos, por iso a acción dos gobernos debe de estar comprometida con este obxectivo. Cremos que o papel da cooperación ao desenvolvemento é o de liderar unha completa acción institucional na contratación institucional no exterior, revitalizando, fortalecendo e colaborando cos axentes da cooperación ao desenvolvemento e entendéndoa como un motor de emprego para unha xuventude cada vez máis preparada e solidaria.


Considera que a cooperación ao desenvolvemento é unha política social? Por que?

Si, por suposto, a cooperación ao desenvolvemento forma parte do que os socialistas consideramos política social. Nun mundo global, debemos entender que os problemas dos países pobres deben formar parte da axenda e a acción de goberno dos países desenvolvidos. Mellorar as condicións da vida das persoas é un compromiso ineludible para un goberno de progreso. Ademais, a política social é parte esencial do noso compromiso coa defensa do Estado do Benestar.

Os últimos anos tomaron protagonismo discursos que defenden que a cooperación ao desenvolvemento é incompatible coa loita contra a pobreza en Galicia e no Estado. Aínda así, no último Eurobarómetro máis do 75% das persoas do Estado español sinalaron que están de acordo en que a loita contra a pobreza fóra da UE debe ser unha das principais prioridades da propia UE. Cal é a postura do seu partido respecto a esta cuestión?

En absoluto é incompatible. A solidariedade dos cidadáns e cidadás españois demostra que podemos e debemos facer compatible a loita pola redución da pobreza e as desigualdades no mundo coa mellora das condicións de vida dos galegos e galegas. A loita por un mundo máis xusto é un deber ético dos socialistas e das socialistas.


Segundo o seu partido, como debe ser a política pública de cooperación que se desenvolva dende a Xunta de Galicia?

Debe ser unha política digna dos milleiros de cooperantes, do carácter solidario da cidadanía galega e do compromiso ético e moral dos socialistas galegos. Unha política que este aliñada cos obxectivos da Axenda 2030, que axude á construción dunha cidadanía activa e conte co consenso das axencias públicas e ONG dedicadas á cooperación.


A Xunta de Galicia adica actualmente un 0,04% dos orzamentos xerais á política pública de cooperación ao desenvolvemento, unha cifra que se sitúa nas antípodas do 0,7% ao que todos os partidos se comprometeron en 2010 coa sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza. Dende a Coordinadora Galega de ONGD demandamos que Galicia se equipare á actual media autonómica: que parta dun mínimo de dedicación do 0,07% e chegue progresivamente ao 0,2% ao final da lexislatura. Cal é o compromiso que adquire o seu partido neste eido?

Os socialistas galegos asumimos o compromiso de acadar progresivamente (no curso da próxima lexislatura) o 0,2 por cento do orzamento xeral dedicado á política pública de cooperación ao desenvolvemento. Isto suporía aproximadamente 20 millóns de euros que deben ser perfectamente asumibles polos orzamentos da Xunta de Galicia.

Ademais da cooperación ao desenvolvemento existen outras políticas que a Xunta de Galicia debera emprender para loitar contra a pobreza, a desigualdade e a crise ecolóxica a nivel global?

A nosa axenda social entende a política social como o mellor recurso para cumprir cos obxectivos que un goberno socialista debe de perseguir: traballar para facer realidade a igualdade de oportunidades, combater a pobreza en tódalas súas formas e conseguir unha progresiva redución das desigualdades. Desenvolver unha política de integración social, económica, laboral e cultural que sexa eficaz e coherente, a través fundamentalmente da ferramenta da educación.







E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario