logo

NOVAS

Ago29

Propostas da Coordinadora Galega de ONGD para as eleccións galegas

Ante as vindeiras eleccións galegas, dende a Coordinadora Galega de ONGD demandamos, unha vez máis, políticas que melloren a vida das persoas no mundo tanto dentro como fóra de Galicia.

O CONTEXTO INTERNACIONAL: UN MUNDO EN EMERXENCIA

POBREZA: 2.200 millóns de persoas atópanse hoxe en situación de pobreza extrema no mundo (viven con menos dun euro diario). Esta situación afecta particularmente á poboación infantil e ás mulleres. Ademais, a pobreza aumenta nos países desenvolvidos: no Estado español máis dun 29,2% da poboación está en risco de pobreza e exclusión social sendo o país europeo no que máis aumentou este indicador durante a crise despois de Grecia.

DESIGUALDADES: Malia que nos últimos 50 anos o PIB se multiplicou por 60 e a brecha económica entre os países desenvolvidos e a do resto do mundo está diminuíndo, as cifras de desigualdade actuais non teñen precedentes na historia. As 62 persoas máis ricas do mundo acaparan os mesmos recursos que as 3.500 persoas máis pobres, a maioría das cales son mulleres (calcúlase que 7 de cada 10 persoas pobres son mulleres). Mentres, os paraísos fiscais esconden ata 12 billóns de dólares.

DESPRAZAMENTOS FORZOSOS: Somos testemuñas do maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundial. 65 millóns de persoas víronse forzadas a saír das súas casas por causas políticas , económicas e ambientais: calcúlase que ata 20 millóns desprazáronse por motivos asociados ao cambio climático. O mar Mediterráneo converteuse nunha gran fosa común na que miles de persoas perderon a vida, máis de 3.000 no que vai de ano e máis de 25.000 nos últimos 15 anos.

CRISE ECOLÓXICA: O actual sistema económico xera desequilibrios medioambientais e sociais, como o cambio climático, que nos colocan nunha situación de crise ecolóxica. De seguir así, no ano 2050, ou antes, necesitaremos máis de dous planetas para satisfacer as demandas de consumo da poboación. Ademais afecta as persoas máis pobres, o 70% de quen sofre a pobreza extrema nos países empobrecidos viven nas zonas rurais, as máis sensibles ao cambio climático, aos sistemas extractivos e aos mercados globais de produtos alimenticios.


PROPOSTAS DA COORDINADORA GALEGA DE ONGD PARA CONSTRUÍR UN MUNDO MÁIS XUSTO E SOSTIBLE

Neste enlace>>> podes atopar a versión resumida das nosas propostas


1. RECUPERAR A POLÍTICA PÚBLICA E SOCIAL DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO Impulsar un crecemento anual progresivo e previsible que teña sempre como horizonte o 0,7% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia en materia Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), partindo dun mínimo de 6 millóns de euros e acadando de forma progresiva e planificada o 0,2% ao final da lexislatura.

2. PROVER RECURSOS DE CALIDADE, RESPONSABLES E PREVISIBLES Establecer compromisos plurianuais de gasto e garantir a publicación anual das distintas convocatorias de axudas en concorrencia competitiva previstas no III Plan Director de Cooperación Galega e con condicións normativas adaptadas á realidade da cooperación ao desenvolvemento. As convocatorias seguirán a ser o principal instrumento para a xestión das axudas da política galega de cooperación ao desenvolvemento e recoñecerán o papel das ONGD como axentes imprescindibles no impulso do desenvolvemento humano sostible.

3. DEFENDER A IGUALDADE DE XÉNERO NO MUNDO.Apoiar e promover medidas para eliminar a discriminación por motivos de xénero que rachen coa feminización da pobreza, canalizando fondos cara estratexias que fomenten o cumprimento dos dereitos humanos na vida das mulleres.

4. EDUCAR PARA A CIDADANÍA GLOBAL.Garantir unha dotación orzamentaria dun mínimo do 10% do total da Axuda Oficial ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia á Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, unha estratexia imprescindible na cooperación ao desenvolvemento para a construción dunha sociedade activa, crítica e preocupada polos temas colectivos. Incorporación nos currículos das distintas etapas educativas e formacións oficiais a educación para a cidadanía global, a educación en dereitos e a educación para a paz.

5. PROMOVER UNHA ACCIÓN HUMANITARIA Á ALTURA DOS RETOS ACTUAIS Recuperar a convocatoria aberta e permanente de axuda humanitaria e mantela cunha dotación orzamentaria anual dun 10% do total da Axuda Oficial ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia . Incorporando a normativa en materia de calidade da axuda humanitaria establecida internacionalmente. Apoio ás demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

6. IMPULSAR A AXENDA 2030 E A COHERENCIA DE POLÍTICAS Todos os niveis de gobernos teñen que impulsar a implementación da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e poñer o foco na loita contar a pobreza, as desigualdades e a crise ecolóxica. E deben facelo con políticas coherentes co desenvolvemento humano sustentable no conxunto da acción de goberno. Falamos de que os gobernos de todos os niveis establezan cláusulas sociais e ambientais na contratación pública, aposten pola Compra Pública Ética (Comercio Xusto, Banca Ética e Economía Solidaria e Alternativa ) ou promovan a transparencia nas administracións públicas así como a cultura de participación cidadá. Tamén que se garanta o cumprimento dos dereitos humanos tanto dentro como fóra das nosas fronteiras: o dereito á vivenda e ao hábitat, á saúde, a servizos básicos como auga ou a enerxía, etc.

7. ESTABLECER MEDIDAS PARA QUE O SECTOR PRIVADO NON TEÑA UN IMPACTO NEGATIVO NO DESENVOLVEMENTO.Crear mecanismos que garantan que as empresas manteñen unha actuación responsable tanto en Galicia como cando se establezan en países empobrecidos. Iso pasa por respectar os dereitos humanos, o medio e os dereitos laborais e non permitir a evasión fiscal ou elusión fiscal e a presenza en paraísos fiscais. No eido concreto da definición de programas e proxectos de cooperación internacional o protagonismo debe ser da sociedade civil.

8. FOMENTAR A PARTICIPACIÓN REAL E EFECTIVA DA SOCIEDADE CIVIL. Institucionalizar a participación das organizacións da sociedade civil (OSC). As OSC terán un papel recoñecido no deseño, organización e xestión das políticas públicas, para o cal se deben reforzar os espazos de diálogo e consulta, e se deben garantir mecanismos para ter unha sociedade informada e implicada.

Neste enlace>>> podes atopara versión ampliada das nosas propostas

E-BOLETíN

ACTIVIDADES DA SEMANA

BIBLIOTECA

Biblioteca da Coordinadora Biblioteca Documentos on line Documentos

 

FORMAMOS PARTE DE

Solidaria


Fiare


coop57 galicia


pobreza cero


coordinadora


QUIEN DEBEA QUIEN





Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario