logo

NOVAS

Abr01

Premios Luceira de Comunicación Social en Galicia. Participa!

 Votade aquí>>> as candidaturas que máis vos gusten!

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento xunto coa Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia), o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMi Galicia), a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) convocamos os Premios Luceira de Comunicación Social en Galicia. Uns premios cos que as organizacións do terceiro sector reivindicamos a necesidade de apostar por iniciativas de comunicación con vocación social.

O obxectivo dos Premios Luceira é, polo tanto, visibilizar e poñer en valor propostas de comunicación en Galicia que están a dar cobertura ás temáticas do eido social baixo un enfoque de calidade, análise, reflexión e participación da sociedade. Ademais, con este premio pretendemos motivar aos distintos medios de comunicación galegos a reflexionar sobre o tratamento informativo que están a dar actualmente sobre as temáticas sociais, aquelas que afectan directamente ás vidas das persoas.

Como seleccionamos as candidaturas?

As entidades convocantes dos Premios Luceira eliximos 17 candidaturas que cumpren catro criterios básicos. Todas elas son: 
- iniciativas galegas
- iniciativas que centran o seu contido, ou parte del, en dar cobertura ás temáticas sociais
- iniciativas de comunicación colectivas (non se premian persoas, senón proxectos)
- iniciativas con vocación informativa, analítica, reflexiva e participativa

As 17 candidaturas nomeadas foron elixidas despois dun período de busca e análise. Non están todas as que son. Así que pedimos desculpas de antemán e comprometémonos a incorporalas en vindeiras convocatorias do Premio.

Podedes acceder á lista de candidaturas e a súa descrición, aquí>>>

Como se elixirán as iniciativas gañadoras?

As iniciativas gañadores serán elixidas pola cidadanía galega mediante unha votación segreda on line. Cada persoa poderá elixir un máximo de cinco candidaturas das dezasete seleccionadas. As tres iniciativas máis votadas serán as gañadoras dos Premios Luceira 2014. O período de votación estará aberto do 4 ao 30 de abril de 2014.

Podedes votar as candidaturas neste enlace>>>

Cal é o premio?

O premio é o recoñecemento e a posta en valor das iniciativas de comunicación premiadas. Tamén das nomeadas.
Non está prevista ningunha retribución económica para as iniciativas gañadoras. Só un detalle que será entregado o día da comunicación e entrega dos premios.

Cando se entregarán os premios?


O día 13 de maio, ás 17:30, no marco do IV Seminario de xornalismo social e cooperación internacional que organizan ACPP e AGARESO na Facultade de Xornalismo da USC. O acto de entrega terá lugar no Auditorio da Facultada e a entrada será libre.

Despois da entrega dos premios haberá unha mesa redonda sobre o xornalismo social en Galicia na que participarán representantes das iniciativas gañadoras e doutros proxectos de comunicación.  


Que proxectos quedaron fóra?

Ademais daquelas iniciativas que non coñecemos (e que esperamos atopar grazas á vosa colaboración), quedaron fóra algúns proxectos que non cumprían os criterios establecidos:  proxectos persoais (blogs, perfís ou páxina de Facebook, columnas de opinión...); proxectos de comunicación sobre temáticas sociais moi específicas (revistas especializadas, blogs de temáticas concretas); e campañas e programas de sensibilización que utilizan a comunicación como ferramentas para a inclusión social. Todas estas iniciativas, aínda que fan un importante labor social, non responden aos criterios establecidos polo equipo organizador dos Premios Luceira 2014.

Tamén quedaron fóra das nominacións as iniciativas de comunicación nas que participan as organizacións que convocamos os premios.

Podedes atopar as candidaturas que quedaron fóra, e que nos parece interesante visibilizar, neste enlace>>>

Entidades que promoven estes premios

Coordinadora Galega de ONGD
A Coordinadora é unha asociación que agrupa, en 2014, a un total de 43 ONGD que traballan no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, a acción humanitaria e de emerxencia, a educación para o desenvolvemento e a incidencia política. Naceu en 1991 e está integrada na Coordinadora estatal de ONGD España desde abril de 2002 como membro de pleno dereito. A misión principal da Coordinadora é contribuír á erradicación da pobreza nun marco de desenvolvemento sostible e de promoción dos dereitos humanos que propugne a eliminación de calquera tipo de discriminación e que promocione a igualdade de xénero.
www.galiciasolidaria.org

EAPN Galicia
En xuño de 1989 a Comisión Europea toma a decisión de establecer unha Rede Europea contra a Pobreza para introducir a problemática da exclusión social na axenda política da UE e promover así a implementación de medidas efectivas que axuden a paliar a mesma. Dita rede debía ser independente e estar composta por grupos representativos de cada un dos estados membro. Deste xeito, EAPN nace no Estado español en 1991 e refúndase en 2004 como rede de ONGs comprometidas coa inclusión dos colectivos en risco. Tras a progresiva implantación de plataformas autonómicas, EAPN Galicia nace en setembro de 2008 como resposta natural á necesidade de crear unha ferramenta de intervención social capaz de elaborar estratexias que incidan nas políticas sociais desenvolvidas en Galicia. Actualmente conta con 19 entidades membro.
www.eapn-galicia.org

CERMI Galicia
Plataforma de representación, defensa e acción das persoas con discapacidade en Galicia e as súas familias. Traballan para avanzar no recoñecemento dos seus dereitos e alcanzar a plena cidadanía en igualdade de dereitos e oportunidades co resto de compoñentes da sociedade.

AGARESO
A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) foi constituída en 2008 e ten como misión sensibilizar á sociedade sobre a vulneración dos dereitos humanos (sociais, económicos, culturais e ambientais) nos países en vías de desenvolvemento e no Estado español, promovendo unha maior calidade na información e unha educación para o desenvolvemento para a transformación social tanto no Norte como no Sur grazas á colaboración do persoal voluntario, as persoas socias e o persoal laboral.
www.agareso.org


ACPP
Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) é unha ONGD que aposta desde 1990 por un desenvolvemento equitativo, a reivindicación da xustiza social, a defensa e promoción dos dereitos humanos, a igualdade de xénero e a democracia. Nos países do Sur traballa pola capacitación das persoas beneficiarias para acadar un desenvolvemento sostible, fortalecendo o tecido asociativo e para a mellora na universalización dos servizos públicos básicos. En España actúa nas áreas de acción social, educación, sensibilización, inmigración e codesenvolvemento. En Galicia, ACPP, leva a cabo unha importante labor de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través de distintos  proxectos e intervencións.
www.acpp.com

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario